Sería complicado comezar a escribir explicando como e por que xorde este blogue… Casualidade.
Casualidade tal vez, pode ser a mellor explicación que se me ocorre, pois hei de recoñecer que o mundo “Fediverso” e das “Redes Libres” eran ideas totalmente descoñecidas para min, ata que tal vez de casualidade, chego un día a ler sobre elas cando buscaba información sobre como redactar en markdown un traballo de investigación.
Cal será a sorpresa para min, que grazas a web Onda Hostil, de Ondiz chego a descubrir que outra “internet” pode ser posible grazas ás redes libres e comunitarias e mantidas por usuarios descentralizadas de grandes corporacións que sacan partido da información que obteñen sobre min, seguramente con consentimento encuberto, que aprobeitan ademáis para negociar nunha política de “cookies” que ninguén entende.
Recoñezo que son usuario de software libre dende que o descubrín na facultade; xa choveu. Aínda lembro como merquei a miña primeira distribución do SuSe Linux 7 en soporte físico (CDs) cos seus dous manuais de usuario impresos que aínda hoxe teño na miña biblioteca como tesouros… Por sorte, a filosofía do software libre impera no mundo en que vivimos e cada vez somos máis os que compartimos coñecemento, experiencias e ideas sen máis que a gratitude de quen o usa.
Chega o momento de continuar cara este camiño de liberdade na rede e fomentar que outros sigan o camiño; alomenos dar a coñecer que outra rede é posible e existe.
Pode haber outra motivación maior?
Comments
No comments yet. Be the first to react!